Thursday 16 de May de 2024

Xa podes recoller no Museo de Bergantiños ou na Policía Local os novos discos da zona azul


O sistema de aparcamento gratuíto con horario limitado leva vinte anos vixente no concello de Carballo, que foi pioneiro en Galicia

Aparcar na zona azul é de balde, pero é obrigatorio sinalar a hora de chegada para que a Policía Local poida realizar o control correspondente. Os/as condutores/as poden anotar a hora nun papel ou utilizar os discos específicos. Se precisas un podes recollelo de balde tanto no Museo de Bergantiños coma na Policía Local, onde agora están á túa disposición cun deseño renovado.

O estacionamento está limitado a 90 minutos, tempo suficiente para realizar as compras ou unha xestión administrativa, e para os/as condutores/as que precisen dispoñer de máis tempo tamén se foron creando amplas bolsas de aparcamento libre e sen limitacións de horario, tanto no centro coma nos distintos barrios, con capacidade para máis de 2.000 vehículos, e que ademais seguen medrando.

E para os/as que precisen menos tempo, dende o ano pasado están habilitados os aparcamentos exprés, que permiten optimizar o aproveitamento das zonas amarelas con uso para carga e descarga de 07.00 a 12.00 horas, parada exprés de 10 minutos para todo tipo de vehículos de 12.00 a 20 horas, e estacionamento libre de 20.00 a 07.00 horas. O obxectivo é dotar a área urbana de aparcamentos máis eficientes, que poden ser utilizados por un maior número de usuarios/as ao longo do día e tamén se habilitan como estacionamento fóra do horario comercial.

Vinte anos de zona azul

O 20 de xullo do ano 2002 entrou en vigor a ordenanza reguladora do aparcamento na zona azul, que ao longo destes vinte anos foi medrando e adaptándose para dar resposta ás necesidades que se foron trasladando ao Concello de Carballo desde o comercio local.

Das primeiras 125 prazas que se crearon nas rúas Cervantes, Colón, Desiderio Varela, Coruña, Hórreo e Valle-Inclán só quedan as da primeira, pero nas sucesivas ampliacións foron incorporándose rúas coma a Gran Vía, Praza de Galicia, Vázquez de Parga, Barcelona, Pontevedra, Estrela, Vitoria, Ponte, Avenida de Fisterra, Río Anllóns, Igrexa, San Xoán Bautista, Rosalía de Castro, Sol, Río Miño, zona da capela da Milagrosa, Compostela, Poñente, Jacinto Amigo Lera, Gravador Facal, Carballo Calero, Eduardo Pondal, Sol ou Vila de Negreira, ata chegar ás 400 prazas que hai actualmente.

Carballo foi un concello pioneiro en Galicia xunto con Ferrol, na implantación da zona azul gratuíta para garantir a rotación de vehículos naqueles puntos onde había máis dificultades para estacionar, fundamentalmente nas zonas comerciais. O horario abrangue de 09.00 a 13.30 de luns a sábado, e tamén polas tardes de 15.30 a 20.00, de luns a venres.